Reproducción
11/10/2011 A concelleira de Facenda e Orzamentos, Cecilia Sierra, anunciou que o Goberno municipal está xa barallando a posibilidade de establecer o pago do Imposto de Bens Inmobles (IBI) no mes de maio, e non a finais de ano como actualmente. Ademais, permitirase o pago fraccionado do imposto.
Estas dúas medidas, explicou a Cecilia Sierra, responden á necesidade de "mellorar a cadencia" dos pagos ao longo do ano e de conseguir "un alivio para as familias compostelás". A intención municipal é que o fraccionamento se poida xa permitir no exercicio 2012 e comprometeuse telo totalmente implantando en 2013, concedendo aos cidadáns ata tres prazos de pago.
A posta en funcionamento desta medida está sendo tratada coa empresa encargada da xestión das pasarelas de pago municipais. Ademais, indicou, a intención é aplicar o fraccionamento de pagos non só ao IBI, senón tamén ao resto de impostos.
O cambio nas datas de pago e o fraccionamento contribuirán, en palabras da concelleira, a mellorar as frecuencias de pago do Concello a provedores. Nesta dirección van tamén outras medidas modernizadoras, como o establecemento dun rexistro automático de facturas. Segundo explicou, "buscarase que dende o propio Rexistro se escaneen as facturas para que, previo paso por Intervención, pasen aos distintos departamentos para a súa aprobación". Lembrou que na actualidade, dende o rexistro da factura á súa aprobación pasan entre 20 e 30 días.
A propósito dos tempos de pago aos provedores, apuntou que o último dato dispoñible era o de 28 millóns de euros en facturas pendentes, cuns períodos medios de pago de case 123 días, pero que, neste mesmo 2011, se teñen detectado facturas sen pagar de ata 10 meses de antigüidade. Non obstante, estimou que, grazas á operación de tesourería por 4 millóns de euros realizada e á entrada dos primeiros pagos do IBI, a cifra pendente podería estar nos 21 ou 22 millóns de euros. "A operación de crédito permitiunos adiantar un ou dous meses pagos a provedores, que en moitos casos nos agradeceron esta medida por estar pasando un momento crítico", afirmou.
A concelleira tamén anunciou outras medidas modernizadoras nos servizos económicos, como a creación dun módulo informático para que cada concellaría poida consultar a execución do orzamento e realizar os axustes oportunos. Igualmente, a través deste módulo, os edís poderán facer as súas propostas de orzamentos. "A partir de aí e das previsións de ingresos realizaranse os axustes pertinentes", explicou Cecilia Sierra.
Orzamentos 2012
Seguindo cos orzamentos, neste caso de 2011, dixo que o seu departamento "ten pendente a posta ao día dos ingresos de agosto e setembro, para coñecer o grao de execución do orzamento actual e prever a execución ata finais de ano". Nesta materia e cara o novo exercicio, un dos obxectivos de Facenda é establecer controis trimestrais de graos de execución.
Coñecido o estado de execución do orzamento actual, traballarase no novo, cuxa aprobación inicial se prevé en novembro, co obxectivo de que estea aprobado definitivamente antes de rematar 2011. Xa se deron os primeiros pasos para establecer os niveis de ingresos do próximo exercicio, para a partir de aí fixar as partidas de gastos. Neste punto recordou que en toda a lexislatura vai existir un teito de gasto.
Medidas de aforro
Cecilia Sierra fixo estes anuncios nunha rolda de prensa na que tamén repasou algunhas das medidas postas en marcha polo seu departamento nos primeiros cen días do novo Goberno municipal. Así, no capítulo do gasto corrente, referiuse á supresión do límite de libre disposición de 12.000 euros para os concelleiros. "Agora poden facer propostas de gasto, pero quen autoriza todos os gastos é esta Concellería".
Ademais, engadiu, "asentáronse as bases dunha política de contención e aforro", coa rebaixa media de entre o 15% e o 30% do que denominou "gastos superfluos" en determinadas partidas. Nalgunhas partidas esta diminución pode chegar ata o 50%. Incidiu en que parte deste aforro se destinará a gasto social.
Nas medidas de aforro enmarcou tamén a redución do 30% do número de asesores e a diminución das dedicacións exclusivas, que suporán en toda a lexislatura un aforro duns dous millóns de euros.
Finalmente, falou da elaboración dunha auditoría de gasto enerxético, concepto que, dixo, supón "un gasto anual de entre 2,5 e 3 millóns de euros.
No hay comentarios:
Publicar un comentario